Sunday 05 de May de 2024

Medio Ambiente aposta por equilibrar o uso público e o respecto aos valores naturais nos espazos protexidos


A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, inaugurou hoxe en Oleiros a xornada “Os valores dos espazos naturais galegos”

A directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, apostou hoxe pola necesidade de equilibrar o uso público dos espazos protexidos co respecto absoluto aos seus valores naturais, porque iso garantirá “o éxito da súa conservación”

Así o sinalou hoxe durante a inauguración en Oleiros da xornada “Os valores dos espazos naturais galegos”, organizada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental (CEIDA).

Ao respecto, precisou que o Goberno galego está velando por garantir o mantemento dos valores naturais dos espazos protexidos, establecendo plans de xestión e medidas correctivas de ser necesario. Con todo, considerou necesario seguir traballando para dar a coñecer este enclaves e facilitar o seu uso para fins científicos, educativos ou de lecer “que redunden en beneficios para o mesmo espazo protexido e para as comunidade do seu contorno”.

A responsable autonómica aproveitou a súa intervención para poñer en valor a recente creación da Rede de Parques Naturais de Galicia, un instrumento “esencial” para coordinar a xestión e promover o coñecemento e conservación dos parques naturais.